En 2018, expertos mundiais do IPCC alertaron de que nos quedan tan só 12 anos para evitar danos irreparábeis no planeta e nas nosas vidas debidos ao cambio climático. Por iso, a educación ambiental non pode seguir sendo vista como unha actividade secundaria ou accesoria realizada polas Administracións locais con certa inercia.
A educación ambiental e a comunicación ambiental deben ir da man e ser vistas como unha prioridade das políticas públicas. Xesteco ofrece asistencia técnica en educación e comunicación ambiental baixo o enfoque metodolóxico da aprendizaxe-servizo, un método que integra o servizo á comunidade no proceso formativo. Con este enfoque, o que se busca é implicar á cidadanía, desde idades moi temperás, no coidado do medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a transformación social.
Os nosos proxectos inciden na corresponsabilidade, xa que non é só tarefa das Administracións públicas coidar o planeta, senón do conxunto da cidadanía. Para, iso, necesitamos actuar na contorna inmediata, coñecer o que nos rodea, sentirnos parte e facer comunidade..
A nosa oferta educativa procura, así mesmo, resultar atractiva a diferentes grupos e perfís sociais e que sirva mesmo como un pequeno paso cara á capacitación laboral no mercado dos novos empregos verdes.